06/11/2025
Marín, único porto piloto en Europa para o desenvolvemento dun proxecto da Axencia Espacial Europea
A empresa alemá DLR GfR mbH lanzou oficialmente RESIST 2, un proxecto da Axencia Espacial Europea (ESA) destinado a mellorar a resiliencia e a seguridade dos servizos de navegación por satélite. O proxecto desenvolverá métodos e tecnoloxías avanzadas para detectar, avaliar e mitigar manipulacións, interferencias e ciberataques dirixidos aos Sistemas Globais de Navegación por Satélite. A navegación por satélite converteuse nun piar esencial da sociedade moderna, ao dar soporte a sectores como a aviación, o transporte, a loxística, as telecomunicacións e as redes enerxéticas. Con todo, a súa crecente importancia tamén implica un aumento do risco de interferencias intencionadas e suplantacións de sinal.
O Porto de Marín é o único porto europeo en participar no desenvolvemento deste proxecto que melloraría a protección marítima e a seguridade na navegación, mediante a instalación dunha Estación de Referencia Terrestre (GRS) do sistema RESIST, nas súas instalacións. Esta iniciativa reflicte o firme compromiso do Porto coa adopción de tecnoloxías europeas de vangarda que fortalecen a resiliencia dos sistemas de navegación fronte a interferencias, garantindo os máis altos estándares de seguridade operativa para os buques e a infraestrutura portuaria.
Coa súa colaboración en RESIST, o Porto de Marín avanza na innovación no sector marítimo, contribuíndo a un decisivo esforzo europeo por protexer infraestruturas críticas mediante solucións de navegación por satélite robustas. Este enfoque proactivo demostra a súa aposta por integrar tecnoloxía avanzada nas operacións diarias, impulsando tanto a competitividade como a responsabilidade ambiental a través dunha xestión do tráfico marítimo máis segura e eficiente.
RESIST é un exemplo de colaboración exitosa entre institucións europeas, a industria e entidades públicas para mellorar a seguridade do transporte e a resiliencia dixital das infraestruturas críticas.
Sobre a base dos logros do seu predecesor, RESIST 1.0, este novo proxecto amplía o alcance técnico con novos enfoques operativos que inclúen a análise de sinais en bruto para a detección temperá de manipulacións e interferencias (como spoofing ou jamming), a avaliación en tempo real da calidade e integridade dos sinais e a fusión de datos procedentes de múltiples fontes para mellorar a robustez e fiabilidade das solucións de navegación.
Grazas a estes avances, os futuros usuarios dos sistemas de navegación por satélite non só poderán determinar se un sinal foi comprometida, senón tamén avaliar a gravidade do incidente e definir as contramedidas adecuadas.
RESIST 2 está liderado por DLR GfR mbH, en cooperación con destacados socios europeos do ámbito da investigación e a industria, baixo contrato coa Axencia Espacial Europea (ESA). Xuntos, traballan para garantir que a infraestrutura europea de navegación por satélite permaneza segura e confiable fronte a ameazas emerxentes. Como parte deste despregamento, a empresa tecnolóxica galega Tripla Alpha, especializada en solucións de enxeñería avanzada, colaborará como provedor de DLR GfR mbH validando a interface de programación de aplicacións (API) do sistema dentro do marco RESIST.
É neste punto onde se seleccionou ao Porto de Marín, tendo en conta o seu compromiso en innovación e contribuíndo ao desenvolvemento de capacidades industriais de alto valor en Galicia.
Nos próximos meses, o consorcio despregará estacións RESIST (Ground Reference Stations) no Porto de Marín e no aeroporto DLR de Cochstedt (Alemaña), co fin de realizar unha validación integral de RESIST en condicións operativas reais.
A longo prazo, o obxectivo é que RESIST contribúa a que os servizos baseados en GNSS sexan máis resilientes, seguros e confiables, garantindo a súa dispoñibilidade para infraestruturas críticas e usuarios de todo o mundo.