A Autoridade Portuaria colabora coas xornadas de sustentabilidade do IES Chan do Monte
A Autoridade Portuaria de Marín trasladou parte da súa exposición “A frota de Marín por un mar limpo” ás instalacións do IES Chan do Monte para colaborar coas Xornadas de Sostenibilidade que celebra estes días o centro educativo. Precisamente, alumnos de Chan do Monte de Marín fixeron este ano unha visita ao Porto para coñecer como funcionan os diferentes sistemas de recollida selectiva de residuos que ten implantados a Autoridade Portuaria. Guiados polo responsable de Seguridade e Sustentabilidade do Porto, puideron profundar en aspectos ambientais relacionados cos refugallos de buques por unha banda e coa selección, retirada e reutilización de residuos das diferentes actividades portuarias por outro.
A mostra que se pode ver estes días no centro Chan do Monte é un resumo do traballo conxunto desenvolvido entre a frota pesqueira de Marín e a Autoridade Portuaria para recoller, separar e poñer en valor diferentes residuos recolleitos nas costas e fondos do litoral galego. O proxecto ambiental e divulgativo “A frota de Marín por un mar limpo” ten como principal obxectivo dar a coñecer os proxectos de retirada e posta en valor de residuos das costas e fondos dos principais caladoiros de flótaa marinense que a Autoridade Portuaria leva desenvolvendo desde hai anos. Entre eles, os máis significativos corresponden aos proxectos “Nada pola borda” que levou a cabo entre 2009 e 2010 e “Pescal” (Pesca Sostible en Caladoiros Limpos), desenvolvido a partir de 2012. A exposición xa estivo este ano noutros centros educativos como o Ceip Isidora Riestra de Poio e o Ceip Carballal de Marín.
A Autoridade Portuaria leva anos implantado diversos programas de xestión ambiental sostible. Entre eles, os barcos pesqueiros que participaron nos proxectos Nada pola Borda ou PESCAL (Pesca Sostible en Caladoiros Limpos) seguen coa retirada do mar e depósito nos puntos autorizados de lixo como plásticos, latas, restos de redes, pneumáticos, restos de roupa, madeira etc. A Autoridade Portuaria segue mantendo esta actividade co fin de contribuír á limpeza dos mares participando nos proxectos ML-Style e RepescaPlas 2.