07/02/2020
A Autoridade Portuaria fixo recollida selectiva de máis de 1.000 toneladas de residuos durante 2019
Os diferentes sistemas implantados no Porto de Marín para a recollida selectiva e reutilización de residuos por parte da Autoridade Portuaria, instalacións frigoríficas e departamentos de exportadores entre outros, deron como resultado a retirada de 1.056.652 quilos de residuos durante o ano 2019. A consolidación da recollida selectiva no porto por parte da Autoridade Portuaria e a empresa de Servizos Portuarios Cantodarea, e a cada vez maior concienciación dos usuarios, facilita a xestión dos diferentes residuos. Deste xeito, unha vez descartados os residuos sólidos urbanos e asimilables, o 76% restante foi valorizable durante o pasado exercicio ao estar separado en orixe.
Os sistemas de xestión de residuos fóronse facendo extensivos a un cada vez maior número de instalacións en toda a comunidade portuaria a en os últimos anos. Como resultado, desde 2013 retiráronse de forma selectiva 4.970.910 quilos.
O Porto de Marín converteuse nun referente na xestión ambiental de residuos relacionados coas actividades marítimas e portuarias. O maior volume de residuos separado en orixe durante 2019 corresponde ao papel e cartón, con 345 toneladas e aos plásticos con 255 toneladas. Séguelles outro material de refugallo como restos de redes, burlóns, madeira, poliexpan ou vidro.
A Autoridade Portuaria leva anos implantado diversos programas de xestión ambiental sostible. Entre eles, os barcos pesqueiros que participaron nos proxectos Nada pola Borda ou PESCAL (Pesca Sostible en Caladoiros Limpos) seguen coa retirada do mar, caracterización e traslado a compactador de lixo mariño como plásticos, latas, restos de redes, pneumáticos, restos de roupa, madeira etc. A Autoridade Portuaria, xunto con Opromar e a empresa Casercan seguen mantendo esta actividade co fin de contribuír á limpeza dos mares e participando en proxectos como ML Style ou Repesca Plas para a caracterización e posta en valor de residuos mariños. Recentemente, o responsable de Seguridade e Sustentabilidade do Porto, Benito Calviño, participou xunto ao resto de socios do proxecto nun encontro na illa do Hierro para presentar as conclusións dos estudos de Repesca Plas 2 e comezar coa nova fase do proxecto: Repesca Plas 3.