O Consello autoriza importantes investimentos en materia de sustentabilidade a varias empresas portuarias
O Consello de Administración aprobou a ampliación do obxecto concesional do frigorífico Rosa dos Ventos para que poida impartir nas súas instalacións formación a terceiros en materia de peixaría, elaboración de produtos de pesca e acuicultura alén do seu obxecto principal dos labores propios de factoría de elaboración de peixes e moluscos.
Ademais, o Consello aprobou prorrogar a concesión a este frigorífico por investimento relevante para a modernización das instalacións de ultracongelación da factoría que incrementará a eficiencia enerxética e a sustentabilidade medioambiental das instalacións e a mellora da eficiencia da produtividade.
Doutra banda, o Consello de Administración aprobou a autorización para instalacións fotovoltaicas na cuberta de Nodosa para autoconsumo da factoría. Os conselleiros valoraron a aposta polo uso de enerxías renovables, contribuíndo ao desenvolvemento sostible e reducindo significativamente a dependencia enerxética doutras fontes máis contaminantes, en consonancia coa estratexia ambiental da Autoridade Portuaria.
Na sesión de abril tamén se aprobou a ordenanza portuaria para o control do tráfico marítimo na Ría de Pontevedra, un instrumento xurídico de carácter organizativo cuxo ámbito se circunscribe á zona de servizo da Autoridade Portuaria.
Tamén se realizou a aprobación previa do Plan de Empresa 2027 que será debatido e acordado con Portos do Estado a próxima semana.