A Autoridade Portuaria expón o impacto económico e social do porto na VI Xornada de Responsabilidade Social Empresarial
A Autoridade Portuaria participou esta mañá na VI Xornada de Responsabilidade Social Empresarial organizada polo Foro Empresa que reuniu a un centenar de representantes de empresas e institucións da contorna. Durante o evento presentouse o SIET, un Sistema de Intelixencia Económica Territorial que ofrece datos desagregados por municipios da contorna co obxectivo de contribuír á toma de decisións apoiando o labor de análise necesaria para desenvolver estratexias de crecemento sostible. A Autoridade Portuaria é unha das entidades que participou na achega de datos para configurar esta ferramenta.
A Autoridade Portuaria participou nunha mesa redonda sobre Economía Azul a través de María García Eyo, Xefa de División de Comunicación e Responsabilidade Social Corporativa, para expoñer o papel do sistema portuario estatal, e máis en concreto o do Porto de Marín, no despregamento de obxectivos económicos, sociais e ambientais que contribúen á xeración de emprego e ao benestar da súa área de influencia. O Porto de Marín, segundo se puxo de manifesto na xornada, é un dos grandes polos xeradores de actividade e emprego na provincia e debe liderar o desenvolvemento de políticas de Responsabilidade Social Corporativa na súa área de influencia.