A Autoridade Portuaria acolle unha formación sobre mercadorías perigosas para persoal de terminais de toda Galicia
Durante esta semana estase a celebrar nas instalacións da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra un curso de formación sobre a manipulación de mercadorías perigosas ao que asisten, ademais de persoal do porto, operadores de peiraos e terminais do resto de portos galegos de interese xeral.
O curso está impartido pola empresa especializada COMISMAR e profunda no convenio SOAS (Convenio Internacional para a seguridade da vida humana no mar).
Durante as xornadas de mañá e tarde que se celebran desde o luns abórdanse contidos relacionados co transporte de mercadorías perigosas, os diferentes regulamentos relacionados con medidas de protección fronte á manipulación e almacenamento destes materiais, plans de emerxencia, prevención da contaminación, envases, embalaxes e etiquetaxes, ademais de primeiros auxilios relacionados con mercadorías perigosas. A formación tamén inclúe prácticas sobre extinción específica de incendios.