A Autoridade Portuaria fomenta o autoconsumo enerxético na lonxa e peiraos pesqueiros
A Autoridade Portuaria acaba de sacar a licitación as obras do proxecto de “Mellora da sustentabilidade nos peiraos de pesca e a lonxa do porto de Marín: instalación de autoconsumo fotovoltaico”. Trátase dunha actuación de preto de 900.000 euros, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA). O porto continúa así executando fondos europeos para realizar importantes investimentos de mellora nas instalacións do sector pesqueiro, como a nova cuberta da lonxa ou a renovación de piares articulados.
Neste novo proxecto, prevese a implantación dunha instalación fotovoltaica na cuberta da lonxa para xeración de enerxía eléctrica. Con iso preténdese obter unha considerable mellora da eficiencia enerxética e autoconsumo, reducindo ademais as emisións atmosféricas.