A Autoridade Portuaria visita as instalacións da Axega dentro do seu plan de formación para actuación en emerxencias
A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e a Autoridade Portuaria de Marín avanzan no compromiso de mellorar a comunicación bilateral e a asistencia mutua en situacións extremas, coa celebración dunha acción formativa. A actividade desenvolverase durante dous días no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.
Deste xeito, durante as xornadas de hoxe e do próximo luns, integrantes de ambos os dous organismos, así como persoal de atención e formación do 112 Galicia, manterán senllas reunións de traballo co fin de coñecer e valorar os protocolos de actuación vixentes.
Avánzase así no compromiso adquirido mediante un convenio de colaboración e cuxa finalidade é lograr a eficiencia e eficacia na coordinación e cooperación #ante unha situación crítica.
Fai falta indicar que o acordo asinado recolle a vontade das institucións por dispoñer os medios e recursos, tanto materiais como humanos, necesarios para facer fronte a unha situación de extrema gravidade que se produza no campo de actuación da Autoridade Portuaria.
Tamén se concordou realizar actividades que, como esta, contribúan a mellorar o intercambio de información e o correcto funcionamento dos protocolos de actuación e plans de protección.