01/10/2026
Suárez Costa visita a planta de Gefico, empresa clave na industria do naval
No marco dos diferentes contactos do Porto de Marín coa industria crave de Galicia relacionada co mar e cos operadores de importación e exportación, o presidente da Autoridade Portuaria desprazouse ás instalacións de Gefico Enterprise na Coruña, para coñecer os procesos que realiza esta empresa, especializada en equipamento para traballos auxiliares do naval.
Gefico, con máis de 40 anos de historia, é a única empresa auxiliar do sector marítimo no mundo que desenvolve e fabrica solucións de desalinización e tratamento de auga utilizando tres tecnoloxías: ósmosis inversa, evaporación térmica e evaporación por compresión mecánica de vapor. Todos estes procesos son os que puido comprobar Suárez Costa na visita na que estivo acompañado por Jose Manuel Iglesias Vilas, Presidente do Grupo Cetus ao que pertence a compañía e por Marta Herva Iglesias, Directora Xeneral de Gefico.
Gefico está presente no mercado naval e offshore e ten unha traxectoria consolidada de relación co Porto de Marín xa que é subministrador habitual de equipos de tratamento de auga para estaleiros como o de Nodosa. Así mesmo, a tecnoloxía desenvolvida pola empresa tamén lle permite prestar servizos no tratamento dos seus efluentes a empresas do sector frigorífico da pesca conxelada ou conserveiras.
Suárez Costa destacou a importancia do I+D para situar a empresas como Gefico á vangarda mundial e tamén a súa vinculación coa Educación a través da estreita relación que a compañía ten coa Universidade da Coruña de modo que na visita tamén participou Álvaro Baaliña Insua, Profesor da ETS Náutica e Máquinas da UDC e asesor técnico de Gefico.
Dáse a circunstancia alén de que Iglesias Vilas ostenta tamén o cargo de presidente da Agrupación industrial da Madeira de Galicia, a través de Galopín (outra das empresas do Grupo Cetus), co que a visita tamén serviu para profundar no contacto cunha entidade coa que o Porto de Marín ten unha estreita relación xa que a rada marinense é un estratéxico centro importador e exportador de madeira, tanto en rolo como en taboleiro.