ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

12/04/2023
comeza a campaña de descaga de peixe conxelado de Malvinas
 Coa chegada do buque conxelador Frío Chikuma, que descargará preto de 1.000 toneladas de lura no porto e a previsión de novas escalas, comeza a campaña de Malvinas para os frigoríficos de Marín. O barco, consignado por Suflernosa está a operar no Peirao Comercial Sur. Os meses de abril e maio son épocas na que se intensifica a chegada de produto conxelado para as plantas frigoríficas do porto. Trátase dunha mercadoría en progresivo aumento durante os últimos anos e para a que Marín conta con certificación europea de calidade xa que é un referente loxístico para a recepción, elaboración e distribución deste tipo de produtos. As plantas frigoríficas situadas no Porto de Marín dedicadas fundamentalmente á recepción, almacenamento e procesado de pesca conxelada son un dos principais motores económicos para toda a comarca. Gran parte das empresas frigoríficas implantadas no porto contan ademais con salas de elaborado de peixe, unha das actividades que máis empregos crean na zona. O Porto de Marín conta no seu conxunto cunha capacidade de almacenamento frigorífico duns 262.000 metros cúbicos concentrados nun único recinto. Desde as plantas de frío do Porto de Marín expórtanse produtos elaborados aos principais mercados de Europa e algúns deles recibiron varios recoñecementos e galardóns por parte dos consumidores. Aos servizos que o Porto de Marín ofrece á pesca conxelada, sumouse unha liña ferroviaria da multinacional Maersk que fai un traxecto semanal Alxeciras-Marín con vagóns refrixerados ademais de transportar mercadoría en seco. Entre xaneiro e marzo deste ano, rexistrouse un aumento do 23% en toneladas de peixe conxelado en contedor. A pesca fresca, pola súa banda, tamén segue experimentando incremento do mesmo xeito que nos últimos meses. En concreto, subiu un 12% no primeiro trimestre do ano con respecto ao mesmo período do exercicio anterior. Outra das mercadorías que segue ascendendo neste inicio de ano é a dos graneis sólidos, cunha subida do 5,72%. O Frío Chikuma comparte hoxe operativa con dous buques que descargan produtos siderúrxicos: por unha banda o Wilson Gaeta, consignado por Pérez Torres Marítima, no Novo Peirao Comercial e por outra, o Frakt Vik, consignado polo Grupo Nogar, que descarga 3.500 toneladas no Peirao Ceferino Nogueira. Ademais está en porto o CL Atlas, para realizar unha carga de 3.000 toneladas de madeira.
comeza a campaña de descaga de peixe conxelado de Malvinas