07/09/2021
A Autoridade Portuaria convoca Consello de Administración extraordinario para valorar comparecer no recurso de casación do tema Ence
A Autoridade Portuaria celebrará este xoves día 9 unha reunión extraordinaria do Consello de Administración cun único punto a tratar ante a situación xerada pola sentenza que anula a prórroga da concesión de Ence en Lourizán e a posibilidade de comparecer no proceso xudicial.
A convocatoria xorde a pedimento dos representantes no Consello da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e do representante das organizacións empresariais. No escrito de solicitude de Consello extraordinario, ambos citan as “consecuencias económicas e sociais catastróficas que supoñería o cesamento definitivo da actividade da empresa pola perda de emprego e dunha das principais fontes de ingreso da poboación rural de Galicia”.
Como órgano de Goberno da Autoridade Portuaria, este xoves debaterase no Consello de Administración que preside Suárez Costa, o personamiento do Porto nos recursos contencioso-administrativos que se tramitan na Audiencia Nacional e a interposición de recurso de casación #ante do Tribunal Supremo.
Tras coñecerse a sentenza da Audiencia Nacional este verán, Suárez Costa manifestou a súa “máxima preocupación” como presidente ante as consecuencias que tería para o Porto de Marín o posible peche de Ence.
O tráfico de pasta de papel de Ence supón máis de 100 barcos ao ano e 120 movementos de camión por cada barco. Ademais o porto conta cunha infraestrutura única en España destinada a esta actividade: a Terminal Cuberta ou AWT que ten en concesión a empresa Grupo Nogar, outra das principais creadoras de emprego no recinto portuario. Para o Porto de Marín “é, sen ningún xénero de dúbidas, unha mercadoría estratéxica e se un eventual peche conleva que se perda ese tráfico, moitas outras cousas van estar en xogo directa e indirectamente”, indicou o presidente.
Ence exporta a práctica totalidade da súa produción da fábrica de Lourizán polo Porto de Marín. Cunha media de 400.000 toneladas ao ano “estariamos a falar dun 19% do tráfico portuario total e ata un 60% do tráfico de mercadoría xeral convencional (a non contenerizada). “A razón de ser dun porto de interese xeral é a importación e exportación de produtos para a industria situada na súa hinterland ou área de influencia, engadiu o presidente.