30/11/2023
O Consello de Administración otorga unha concesión para unha planta de procesado de descartes
O Consello de Administración celebrado esta tarde aprobou unha concesión administrativa por un prazo de 20 anos a OPROMAR (Organización de Produtores de Pesca do Porto de Marín) con destino á construción e explotación dunha planta para a produción de músculo picado de especies obtidas a partir de descartes pesqueiros.
A Organización de Produtores de Pesca do Porto de Marín aglutina a un total de 35 empresas pesqueiras co obxectivo de fomentar novos proxectos orientados a mellorar as actividades do sector e promover a sustentabilidade pesqueira. Neste sentido, e coa entrada en vigor do Regulamento Europeo que obriga a desembarcar as capturas non desexadas que cheguen a porto, faise necesario buscar novas vías de aproveitamento e valorización destes descartes pesqueiros. Con esta finalidade, Opromar estivo participando en diferentes proxectos e iniciativas de I+D+i co obxectivo de obter novos produtos procesados empregando como materia prima descartes de lirio, xurelo, cabala ou faneca. A finalidade é que sexa unha planta multiespecie que permita a valorización dafecte estes e outros descartes que poidan resultar de interese tanto para os armadores de Marín como para a industria do sector transformador.
A planta onde se proxecta producir e procesar o chamado MINCE ou músculo picado de peixe instalarase nunha parcela de 2.186 metros cadrados na contorna da lonxa e outras instalacións pesqueiras permitindo así a entrada da materia prima de forma inmediata tras a súa descarga, evitando tempos de espera ou manipulacións intermedias que puidesen afectar á calidade do produto final.
Paneis fotovoltaicos
O Consello aprobou unha autorización para a instalación dunha planta solar fotovoltaica de autoconsumo na cuberta da nave que o estaleiro Nodosa dispón en concesión.
A Autoridade Portuaria segue así apostando polo uso de enerxías renovables, permitindo reducir significativamente a dependencia enerxética doutras fontes máis contaminantes. A solicitude de Nodosa, do mesmo xeito que fixeron antes outros concesionarios, está en consonancia coas liñas ambientais estratéxicas de crecemento sostible para o porto.