ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

07/10/2026
O Porto de Marín segue medrando no sector da pesca conxelada
Ata o mes de agosto, o Porto de Marín moveu preto de 90.000 toneladas de pesca conxelada nas súas diferentes presentacións, rexistrando incrementos nos oito primeiros meses do ano na presentación, tanto contenerizada como non contenerizada, desta mercancía que este mes de outubro tamén está a rexistrar importantes descargas da flota que faena en Malvinas. O presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, Jose Benito Suárez Costa, atópase participando estes días en Conxemar, feira internacional do conxelado que este ano alcanza a súa 27 edición. O presidente destacou neste evento “o peso e relevancia das empresas do Porto de Marín” que acoden con espazo propio para presentar os seus servizos e novidades. As plantas frigoríficas do Porto de Marín prestan servizo de recepción, almacenamento e procesado de pesca conxelada e son un dos principais motores económicos para toda a comarca polo seu potencial para xerar emprego na zona, xa que moitas delas contan ademais con flota propia e salas adicionais de elaborado de peixe. O presidente da Autoridade Portuaria sinalou o importante esforzo investidor realizado polas plantas frigoríficas do Porto que están a apostar de xeito claro pola eficiencia enerxética e a sustentabilidade, en liña coa estratexia medioambiental da Autoridade Portuaria. Ademais, o presidente do Porto de Marín está a aproveitar as xornadas en Conxemar para establecer novos contactos con operadores de mercancía refrixerada, navieiras e consignatarios co fin de darlles a coñecer a ampla variedade de servizos que presta o porto a estas mercancías, incluíndo a posibilidade de transporte ferroviario refrixerado. Suárez Costa puxo en valor a especialización de Marín en atender tráficos de conxelado, nun recinto que conta con máis de 75.000 metros cadrados en concesión destinados á actividade frigorífica e unha capacidade de almacenamento refrixerado superior aos 260.000 metros cúbicos.
O Porto de Marín segue medrando no sector da pesca conxelada