17/02/2026
O Presidente da Autoridade Portuaria reúnese con representantes de colectivos culturais de Bueu
O presidente da Autoridade Portuaria, Jose Benito Suárez Costa, recibiu esta mañá a representantes de varios colectivos sociais e culturais de Bueu interesados no futuro do faro de Ons. En concreto, acudiron os portavoces da asociación ecoloxista Anduxía, da asociación cultural PiñeirOns e da asociación de amigos das embarcacións tradicionais Os Galos.
Suárez Costa explicoulles o interese da Autoridade Portuaria por impulsar un uso cultural para o futuro do faro de Ons que sexa compatible coa súa función principal como elemento de axuda á navegación e as xestións realizadas ata o momento a través de contactos coas diferentes administracións implicadas.
O presidente da Autoridade Portuaria sinalou que é unha gran oportunidade para abrir unha “vía de comunicación directa que sirva para o intercambio de ideas e suxestións sobre o futuro proxecto”. Suárez Costa lembrou aos portavoces das asociacións “o indiscutible compromiso” da Autoridade Portuaria coa conservación e difusión do patrimonio cultural e histórico vinculado ao mar.
A Autoridade Portuaria acaba de publicar un libro sobre a historia dos sinais marítimos da Ría, titulado “Rojo a Babor”, unha exhaustiva investigación histórica sobre cada unha das axudas á navegación da Ría de Pontevedra que está a ser distribuída en bibliotecas, arquivos, centros educativos e museos da contorna para poñela ao dispor do público en xeral. Ademais o ano pasado editou unha publicación que recollía un catálogo de pezas históricas vinculadas ao servizo de sinais marítimos.