Os sistemas de recollida selectiva retiraron máis de 1.000 toneladas de residuos en 2020
Os diferentes sistemas implantados no Porto de Marín para a recollida selectiva e reutilización de residuos por parte da Autoridade Portuaria, instalacións frigoríficas e departamentos de exportadores entre outros, deron como resultado a retirada de 1.084.490 quilos de residuos durante o ano 2020. A consolidación da recollida selectiva no porto por parte da Autoridade Portuaria e a empresa de Servizos Portuarios Cantodarea, e a cada vez maior concienciación dos usuarios, facilita a xestión dos diferentes residuos. Deste xeito, unha vez descartados os residuos sólidos urbanos e asimilables, o 77,8% restante foi valorizable durante o pasado exercicio ao estar separado en orixe.
Os sistemas de xestión de residuos fóronse facendo extensivos a un cada vez maior número de instalacións en toda a comunidade portuaria nos últimos anos. Como resultado, desde 2013 retiráronse de forma selectiva 6.055.400 quilos.
O Porto de Marín converteuse nun referente na xestión ambiental de residuos relacionados coas actividades marítimas e portuarias. O maior volume de residuos separado en orixe durante 2020 corresponde ó papel e cartón, con 435 toneladas e ós plásticos con 263 tm, principalmente das instalacións frigoríficas do porto. Séguelles outro material de refugallo como restos de redes, burlóns, madeira, poliexpan ou vidro.