ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

12/02/2021
Os sistemas de recollida selectiva retiraron máis de 1.000 toneladas de residuos en 2020
 Os diferentes sistemas implantados no Porto de Marín para a recollida selectiva e reutilización de residuos por parte da Autoridade Portuaria, instalacións frigoríficas e departamentos de exportadores entre outros, deron como resultado a retirada de 1.084.490 quilos de residuos durante o ano 2020. A consolidación da recollida selectiva no porto por parte da Autoridade Portuaria e a empresa de Servizos Portuarios Cantodarea, e a cada vez maior concienciación dos usuarios, facilita a xestión dos diferentes residuos. Deste xeito, unha vez descartados os residuos sólidos urbanos e asimilables, o 77,8% restante foi valorizable durante o pasado exercicio ao estar separado en orixe. Os sistemas de xestión de residuos fóronse facendo extensivos a un cada vez maior número de instalacións en toda a comunidade portuaria nos últimos anos. Como resultado, desde 2013 retiráronse de forma selectiva 6.055.400 quilos. O Porto de Marín converteuse nun referente na xestión ambiental de residuos relacionados coas actividades marítimas e portuarias. O maior volume de residuos separado en orixe durante 2020 corresponde ó papel e cartón, con 435 toneladas e ós plásticos con 263 tm, principalmente das instalacións frigoríficas do porto. Séguelles outro material de refugallo como restos de redes, burlóns, madeira, poliexpan ou vidro.
Os sistemas de recollida selectiva retiraron máis de 1.000 toneladas de residuos en 2020