ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

04/11/2020
Intensifícase a campaña de descargas de peixe conxelado no Porto de Marín
 O Porto de Marín está a vivir unhas intensas xornadas de descarga de pesca conxelada en diferentes peiraos, con destino ás plantas frigoríficas que se sitúan no recinto. Hoxe están a compaxinar as súas descargas 4 barcos: os buques Igueldo, con 1.490 toneladas de peixe no Peirao Pesqueiro Norte, o Monteferro que deixa 585 toneladas no Peirao Transversal, o Castelo que descarga 871 toneladas no Peirao Este e o Praia de Rodas, que deixa 530 toneladas no Peirao Comercial Sur. Ademais, para a próxima semana agárdase a chegada do Frio Star, con 1.913 toneladas máis de pesca conxelada. Esta é unha mercadoría en contínuo crecemento durante os últimos anos e para a que Marín conta con certificación europea de calidade. O Porto é un referente loxístico para a recepción, elaboración e distribución deste tipo de produtos. As plantas frigoríficas situadas no Porto de Marín dedicadas fundamentalmente á recepción, almacenamento e procesado de pesca conxelada son un dos principais motores económicos para toda a comarca. Gran parte das empresas frigoríficas implantadas no porto contan ademais con salas de elaborado de peixe, unha das actividades que máis empregos crean na zona. O Porto de Marín conta no seu conxunto cunha capacidade de almacenamento frigorífico duns 262.000 metros cúbicos concentrados nun único recinto. Desde as plantas de frío do Porto de Marín expórtanse produtos elaborados aos principais mercados de Europa e algúns deles recibiron varios recoñecementos e galardóns por parte dos consumidores.
Intensifícase a campaña de descargas de peixe conxelado no Porto de Marín