ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

05/10/2023
Suárez Costa destaca o peso do Porto de Marín en Conxemar
O presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, Jose Benito Suárez Costa, fixo esta mañá un balance moi positivo da participación do Porto de Marín en Conxemar destacando a importante presenza e papel desempeñado neste evento internacional por parte das empresas situadas no Porto de Marín. Suárez Costa estivo presente nas casetas de empresas tan significativas no sector como Marfrío, Cabomar, Pesmar, Rosa de los Vientos, Pérez Torres Marítima, Videmar, Frioantartic, Galicia Processing Seafood, Galfrío e Opromar, todas elas radicadas en Marín. As plantas frigoríficas do Porto de Marín prestan servizo de recepción, almacenamento e procesado de pesca conxelada e son un dos principais motores económicos para toda a comarca polo seu potencial para xerar emprego na zona, xa que moitas delas contan ademais con salas adicionais de elaborado de peixe. O presidente da Autoridade Portuaria sinalou o importante esforzo investidor realizado polas plantas frigoríficas do Porto “que están a apostar de maneira clara pola eficiencia enerxética e a sustentabilidade en liña coa estratexia ambiental da Autoridade Portuaria”, afirmou Suárez Costa. Ademais, o presidente do Porto de Marín aproveitou as xornadas en Conxemar para establecer novos contactos con operadores de mercadoría refrixerada, navieiras e consignatarios co fin de darlles a coñecer a ampla variedade de servizos que presta o porto a estas mercadorías. Suárez Costa puxo en valor a especialización de Marín en atender tráficos de conxelado, nun recinto que conta con máis de 70.000 metros cadrados en concesión destinados á actividade frigorífica e unha capacidade de almacenamento refrixerado superior aos 260.000 metros cúbicos.
Suárez Costa destaca o peso do Porto de Marín en Conxemar