ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

14/07/2022
A Autoridade Portuaria participará mañá nun simulacro de emerxencia na Ría de Pontevedra
 A Autoridade Portuaria participa mañá venres ó mediodía xunto a outras institucións nun simulacro de emerxencia en augas da Ría de Pontevedra. Trátase de coordinar ós diferentes servizos nun suposto caso de incendio nunha embarcación deportiva cun ferido grave que require evacuación nas inmediacións da Illa de Tambo. A coordinación da emerxencia correrá a cargo de Salvamento Marítimo de Vigo e ademais do persoal e medios propios da Autoridade Portuaria, participan Emerxencias de Galicia 112, Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia, Capitanía Marítima de Vigo, Distrito Marítimo de Marín, Servizo de Resgardo da Garda Civil do Porto de Marín, Servizo Marítimo da Garda Civil, Corporación de Prácticos do Porto e a empresa Amare Marín. O suposto incendio declararase na embarcación Faros do servizo de Sinais Marítimos da Autoridade Portuaria, preto do faro de Tenlo Chico e para o rescate da persoa ferida participará o helicóptero de Salvamento Pesca I, ademais do buque Irmáns García Nodal coa súa lancha auxiliar que remolcará a porto á embarcación deportiva tras quedar sen goberno. Entre os obxectivos de realización deste simulacro, está a práctica de coordinación entre a Autoridade Portuaria e os distintos medios de emerxencias, a formación do persoal participante, a valoración da capacidade de resposta e colaboración ante unha emerxencia ou a verificación de que se realiza unha transición ordenada e eficiente das operacións normais ás de emerxencia.
A Autoridade Portuaria participará mañá nun simulacro de emerxencia na Ría de Pontevedra