05/12/2023
Suárez Costa reúne ó Consello de Navegación e Porto para dar conta dos principais fitos do ano
O presidente da Autoridade Portuaria, Jose Benito Suárez Costa reuniu esta mañá ao Consello de Navegación e Porto para dar conta dos principais fitos alcanzados durante 2023 no capítulo de investimentos, servizos portuarios ou planificación, entre outros asuntos.
En canto a obras finalizadas esta ano atópanse a reforma da instalación eléctrica dos departamentos de exportadores de segunda liña, a substitución de bolardos nos peiraos Leirós ou a renovación de defensas nos peiraos das dársenas pesqueiras.
Con respecto ás obras en curso actualmente destaca a automatización e monitorización da rede ferroviaria, obra que conta con financiamento europeo a través de fondos FEDER ou a renovación de pavimentación en diversas zonas do porto. Ademais atópase en licitación a mellora da rede de saneamento do peirao pesqueiro norte e a zona do tendedero de redes.
Servizo de practicaxe
Suárez Costa tamén informou os membros do Consello de Navegación da situación actual na que se presta este servizo fundamental para o porto e que conta xa con tres efectivos dados de alta pola Mariña Mercante para exercer de prácticos no Porto de Marín despois da substitución por baixa ou traslado de dous prácticos anteriores.
Delimitación de Espazos e Usos Portuarios
O presidente da Autoridade Portuaria deu tamén conta da publicación no mes de xuño da Orde Ministerial pola que se aprobou a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios do Porto de Marín. Este é, segundo a vixente Lei de Portos, o documento que determina nos portos de titularidade estatal a zona de servizo, tanto de terra como de auga, necesaria para o desenvolvemento dos usos portuarios, os espazos de reserva que garantan a posibilidade de desenvolvemento da actividade portuaria e aqueles que poidan destinarse á interacción porto-cidade.
Con este documento, sinalou Suárez Costa, a Autoridade Portuaria “dispón de toda a documentación basee de planificación portuaria actualizada” xa que a Lei de Portos contemplaba a adaptación dos antigos PUEP (Plan de utilización de espazos portuarios) á nova denominación.
Planificación
O Consello de Navegación e Porto tamén foi informado das revisións, modificacións e actualizacións experimentadas noutros importantes instrumentos nas áreas de seguridade e sustentabilidade do porto como o Plan de Protección do Porto, o Plan de Emerxencia Interior e Autoprotección e o Plan de Recepción e Manipulación de Refugallos de Buques.