30/06/2023
O Consello de Administración aproba as contas anuais da Autoridade Portuaria
O Consello de Administración celebrado esta tarde aprobou as contas anuais da Autoridade Portuaria correspondentes ao exercicio 2022, unha das súas competencias tal e como recolle o artigo 39.3 da Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante. A aprobación realízase unha vez a Intervención Xeral da Administración do Estado emite o seu informe de auditoría anual, con resultado favorable do organismo auditor en canto á súa concordancia coas contas anuais e a súa elaboración conforme á normativa reguladora.
As contas anuais do exercicio 2022, segundo sinala a IGAE, “foron obtidas dos rexistros contables da Entidade, e preséntanse dacordo co marco normativo de información financeira que resulta de aplicación e, en particular, cos principios e criterios contables nel contidos, de forma que mostran a imaxe fiel do patrimonio e da situación financeira ao 31 de decembro de 2022 e dos resultados das súas operacións, dos cambios no patrimonio neto e dos fluxos de efectivo correspondentes ao exercicio anual terminado na devandita data.
O resultado do exercicio despois de impostos é positivo o que permite continuar co principio de sustentabilidade financeira da entidade con ausencia de endebedamento externo. Entre as fontes de financiamento resultantes destacan as subvencións de fondos europeos MRR destinados a investimentos en mellora de accesibilidade, eficiencia enerxética e sustentabilidade.
Sistema interno de información
Doutra banda, a Autoridade Portuaria adaptouse á directiva europea sobre información relativa a infraccións normativas e loita contra a corrupción coa creación dun “Sistema interno de Información”. A súa finalidade é dispensar a adecuada protección fronte a represalias ás persoas que informen sobre infraccións do Dereito da Unión Europea ou condutas irregulares das que teñan coñecemento.
A Autoridade Portuaria vén de crear unha canle para este tipo de comunicacións dentro da estratexia de integridade corporativa da entidade. Tanto o acceso á canle como o procedemento de xestión das informacións están a disposición na páxina web: www.apmarin.com