15/12/2022
O tráfico de mercadorías do porto mantén a súa tendencia alcista ata novembro
O Porto de Marín confirma ata novembro a súa tendencia alcista con respecto ó ano anterior e mantén un crecemento acumulado do 3,4%, a falta dun mes para que finalice o exercicio.
O presidente da Autoridade Portuaria, Jose Benito Suárez Costa, deu conta esta mañá ó Consello de Administración do movemento de mercadorías nos once primeiros meses do ano que roza xa os dous millóns de toneladas, co que 2022 finalizará superando esta cifra tal e como se marcou a entidade nos seus obxectivos.
Por grupos de mercadorías, entre xaneiro e novembro destaca o incremento dos graneis sólidos, cun crecemento superior ó 23% e moi preto de rexistrar un millón de toneladas descargadas. A iso contribuíron, ademais das descargas de cereais, fariñas, pensos e forraxes, o crecemento do capítulo de madeiras e cortiza.
O outro gran capítulo que rexistra incremento a falta dun mes para pechar o exercicio é o da mercadoría en contedor, que sobe un 5,72% superando o medio millón de toneladas e aumentando o volume en mercadorías como aparellos, ferramentas e maquinaria, material de construción, pesca conxelada ou produtos siderometalúrxicos, entre outros.
O porto segue ademais experimentando un crecemento da pesca fresca, que se sitúa nun 13,6% por encima das cifras do ano pasado.
O apartado que máis preocupa, segundo explicou o presidente da Autoridade Portuaria ós conselleiros é o da mercadoría xeral convencional (a que non vai contenerizada), xa que rexistra unha baixada importante como consecuencia da parada temporal de produción que experimentou a fábrica de Ence.
Suárez Costa volveu manifestar a súa preocupación pola situación da fábrica: “Neste momento xa se deixaron de exportar 150.000 toneladas de pasta de papel desde o porto como consecuencia do peche por seca destes meses. Isto serviría como exemplo do que pode ocorrer nun futuro a longo prazo se a fábrica pechase ou trasladase a súa produción a outro municipio”, explicou o presidente. “As consecuencias serían devastadoras non só para o porto senón para moitas empresas auxiliares, autónomos e traballadores”, engadiu Suárez Costa.