ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

31/01/2023
A Autoridade Portuaria puxo en valor o 85% dos residuos do porto durante 2022
Os diferentes sistemas implantados no Porto de Marín para a recollida selectiva e reutilización de residuos por parte da Autoridade Portuaria, instalacións frigoríficas e departamentos de exportadores entre outros, deron como resultado a retirada de 1.840.459 quilos de residuos durante o ano 2022. A consolidación da recollida selectiva no porto por parte da Autoridade Portuaria e a empresa de Servizos Portuarios Cantodarea, e a cada vez maior concienciación dos usuarios, facilita a xestión portuaria dos diferentes residuos. Deste xeito, unha vez descartados os residuos sólidos urbanos e asimilables que ascenden a un 15,10% do total, o 84,90% restante foi valorizable durante o pasado exercicio ao estar separado en orixe. Trátase dunha porcentaxe que cada ano vai en aumento, afianzando así o reforzo continuo da dimensión ambiental de todas as actividades que se realizan no Porto de Marín. Os sistemas de xestión de residuos fóronse facendo extensivos a un cada vez maior número de instalacións en toda a comunidade portuaria nos últimos anos. Como resultado, entre 2013 e 2022 retiráronse de forma selectiva máis de 9 millóns de quilos de material de desfeito. O Porto de Marín ten adquirido un pleno compromiso na xestión ambiental de residuos relacionados coas actividades marítimas e portuarias. O maior volume de residuos separados en orixe durante 2022 corresponde ás redes e séguenlle o papel e cartón , ademais doutras importantes cantidades de plásticos e restos de madeira.
A Autoridade Portuaria puxo en valor o 85% dos residuos do porto durante 2022