31/05/2023
Tres graneleiros simultanean operativas de descarga no porto
Tres buques graneleiros compaxinan as súas operacións de descarga estes días en porto e estase á espera da escala dun cuarto buque prevista para a primeira semana de xuño. O dos graneis sólidos está a ser un dos tráficos á alza este ano, cunha subida rexistrada do 19,41% ata o mes de abril con respecto ao primeiro cuadrimestre do ano anterior.
O peirao Comercial Oeste acolle a operativa de 33.000 toneladas chegadas a bordo do Voge Emma desde Montreal mentres as dúas atracadas dos peiraos Leirós están ocupados polos graneleiros Arklow Artist e Onego Merchant, procedentes de Reino Unido e Alemaña respectivamente para descargar 15.000 toneladas de granel entre ambos. Para a próxima semana está anunciada a chegada doutro bulk carrier, o Loxandra, que achegará outras 30.000 toneladas de graneis agroalimentarios ao Porto de Marín.
Os cereais e pensos que chegan ao porto abastecen as granxas avícolas e gandeiras de Galicia que, á súa vez, son fundamentais na subministración de carne, ovos e demais derivados aos mercados de consumo. O Porto de Marín dispón ademais dunha importante conexión ferroviaria, o que facilita o tránsito destas mercadorías coa saída diaria de polo menos un tren de cereais. O dos graneis agroalimentarios é un dos principais tráficos no Porto de Marín, para o que conta con operadores e maquinaria especializada, ademais dunha gran capacidade de almacenamento. É un os tráficos que contan con certificación europea de calidade no porto.