ACTUALIDADE

Noticias

Noticias

02/06/2022
A Autoridade Portuaria expón en Tarragona a súa experiencia en ciberseguridade
O Porto de Marín atópase estes días participando na 5ª edición das Xornadas TIC e de Ciberseguridade do sistema portuario que se están celebrando en Tarragona. A través de Benjamín Paredes, Responsable da División TIC da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, estase a expoñer a experiencia pioneira deste porto na migración de servizos TIC a unha nube privada co obxecto de reducir custos e riscos e favorecer a integración e dispoñibilidade dos sistemas. O Responsable dos Sistemas de Información do Porto de Marín expuxo ós demais directivos de portos de todo o Estado os detalles sobre a análise económica e de riscos que supuxo este cambio de paradigma de xestión de servizos TIC. Benjamín Paredes compartiu a experiencia sobre os aspectos chave que debe ter en conta calquera organización que estea a plantexarse reducir os sistemas de información aloxados en local e que queira realizar unha transición total cara ó modelo “ cloud”. Entre as conclusións obtidas tras un ano de experiencia con este sistema no Porto de Marín, salienta a consecución dun incremento de produtividade á hora de xestionar os activos TIC máis críticos para unha organización portuaria. Por outra banda, a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra tamén participou na mesa debate: “Mellora dos servizos portuarios mediante tecnoloxía baseada en 5G”, onde se discutiron casos de uso aplicados a optimizar os procesos portuarios e nos que pode xogar un papel chave a incipiente xeración de comunicación móbil 5 G á hora, por exemplo, de mellorar a xestión do tránsito portuario de contedores.
A Autoridade Portuaria expón en Tarragona a súa experiencia en ciberseguridade